"Tan lonxe, tan preto"

Comentario crítico do relato 0 de Endogamia 0.2.


Neste  relato preséntase un tema totalmente actual, retratando dunha forma moi clara a situación que se segue a dar no noso día a día a pesar da imaxe que se pretende dar. Podemos observar como a mullear continúa a ter un papel de figura vexada en moitas ocasións, véndose na obriga de aceptar un trato que dista moito de ser igualitario. A problemática de maior relevancia é o feito de que nós mesmos esquecemos esta ferida subxacente da nosa sociedade, a cal promete  converterse no novo (e non tan novo) estigma da nosa época. Con isto quero referirme a outros casos de discriminación (racial, étnica, homofóbica...) que si conseguiron espertar unha gran concienciación social. Pola contra, a pesar dos esforzos que se fan por diversas vías, eu non detecto na poboación o verdadeiro ton de alarma que a situación merece. Este "piloto" só salta na nosa sociedade cando vemos no telexornal un novo caso de violencia machista, pero pronto arquivamos a información no caixón da "tristura" ou no da "compaixón" e seguimos a comer. A nosa incomprensible indiferenza é o que permite que a situación continúe, día a día, vítima a vítima.

No relato faise unha panorámica de todas as situacións nas que unha muller se ve denigrada polo feito de selo. Isto abrangue dende o ámbito laboral ata o privado, demostrando unha vez máis que o home segue a ter unha vantaxa silenciosa e pesada sobre o tradicionalmente chamado "sexo endeble" (o cal, como non, é unha mostra máis do conflito). Por que isto non provoca manifestacións nas rúa? Ata onde chega a nosa capacidade de "non ver"?


Por Sara Martínez
1º BACH A

"Cidade colorida"



Xa que o sol non se anima a facernos compaña, poñede unha pouca de cor as vosas vidas con esta curtametraxe que sintetiza a importantancia de tentar ver a vida cun certo positivismo, por moi negra que esta pareza.

"O club de lectura nas BE, unha fórmula para espertar lectores"

Déixo aquí a presentación do meu relatorio na xornada técnica: "A biblioteca escolar na formación profesional" desenvolta en Santiago de Compostela o día 12 de maior de 2014. Por unha banda, por se alguén pode sacar algunha idea proveitosa para o seu traballo e por outra, para deixar constancia das moitas horas de dedicación que supón un club de lectura, algo que seguen sen comprender a maioría das comunidades escolares, que viven alleas a estas experiencias.

Clubeiros que participaron no intercambio epistolar con Ponferrada




Aquí non cabiamos  todos na foto dentro da biblioteca.


Aquí aínda nos estabamos a colocar.


E por fin, estamos todos  na foto con profe incluída.

O alumnado de 1º de ESO e 4º de ESO do noso centro realizou un intercambio epistolar co IES Virgen de la Encina de Ponferrada durante este derradeiro trimestre escolar. A experiencia estivo coordinada pola profesora de lingua galega Susana Vázquez Recarey e unha profesora  deste centro ponferradino. 

Os nosos clubeiros de 1º de ESO tamén estiveron a participar nesta iniciativa que os conectou con alumnado de 1º de ESO que está a estudar galego como materia optativa nesta localidade do Bierzo. Consideramos que foi moi interesante, ata o punto de que tivemos que esperar ata a última carta para que o noso alumnado non lles dese o seu nome e enderezo completo para contactar con eles por outras medios.

Visita á illa do Areoso


O pasado 13 de xuño os clubeiros de 1º de bacharelato que estaban en 1º A visitaron a illa do Areoso na ría de Arousa. Esta actividade foi coordinada polo seu titor, Tomás Agostiño e permitiunos gozar dunha paraxe única cargada dun forte patrimonio etnográfico fóra do común. Achegámos ata a alí en canoa e puidemos comprobar in situ moitas das cousas que xa nos comentara o profesor e xornalista Manuel Gago cando visitou o centro este ano.




Son moitas as palabras que están enterradas nesta illa berrándonos que debemos coidar o noso patrimonio, primeiro porque é o noso e segundo porque é único.

 

Algúns do nosos clubeiros na xuntanza en Tui de "Enredando versos"




 Algúns dos nosos clubeiros dos grupos de 1º de ESO e 1º de bacharelato participaron o día 8 de maio na xuntanza que este ano se desenvolveu en Tui de ENREDANDO VERSOS. Isto foi o premio polo seu traballo no proxecto "A cidade con ollos de poeta", que se realizou coordinado polo profesor Rafael Arines no noso centro, en conxunto cos centros que integran este grupo, que son o IES de Sanxenxo, o IES de Poio, IES Riveira de Louro, o IES San Paio.



Documental: "O xogo da morte"



Os que non tivestes ocasión non deixedes de ver este documental co que traballamos este curso cando limos no noso club "A asasina" de Alexandros Papadiamandis. 

Este documental simula un programa da televisión francesa para realizar un experimento, que xa se realizara nos anos setenta, para demostrar o sinxelo que é someter a sociedade civil a un rexime totalitario.

"ALTO RENDEMENTO" ( "Endogamia 0.2")

"ALTO RENDEMENTO" é o terceiro relato de "Endogamia 0.2"

Este relato é unha crítica á sociedade actual, unha sociedade que prefire o beneficio en termos políticos  en relación no tocante ao movemento de cartos e ganancia deles, ao propio avance na mellora de tratamentos para axudar a sanidade.

Por unha banda, exponse o caso dun home, o cal desenvolve un proxecto farmaceutico para a súa empresa, no que dá argumentos para levar conseguir a súa financiación e  non a dos rivais. Expón que quere desenvolver unha droga ou medicamento, que ao ser inxerida por deportistas, melloren o rendemento deportivo destes. Na outra banda, unha muller expón un proxecto no que quere levar a cabo unha investigación para tratar a enfermidade do alzhéimer, na que procura buscar a cura desta enfermidade ou polo menos un tratamento para ela.

Neste caso, a empresa decide financiar e axudar o home que  propón o desenvolvemento das drogas potenciadoras, xa que estas ían producir maior cantidade de beneficios en canto ao económico e ao político, posto que  a financiación deste proxecto tería máis rendibilidade a máis longo prazo e doutro tipo.

Neste caso preséntase un caso irónico, xa que o político que apoia  o proxecto para desenvolver os medicamentos que melloran o rendemento deportivo, ten na súa propia familia un sogro o cal posúe a enfermidade do alzhéimer.



Opinión persoal.

A miña opinión ao respecto, é que este relato é unha boa representación da actual sociedade, na que só se busca mover diñeiro, non importa nada máis que iso. Isto nótase actualmente na corrupción, e noutros casos que non veñen a conto. Pero o tema tratado nesta historia, é o do beneficio inmediato, o beneficio propio, pero referido ao diñeiro.

O protagonista antepón o beneficio ecónimico ó benestar da súa propia familia, xa que estaría axudando o seu sogro se o diñeiro fose destinado ó estudo do alzhéimer. Móstrase unha grande ironía e faise unha crítica a este tipo de xente, a xente que  só vive movido polo capitalismo máis salvaxe.

Persoalmente, o que máis me gustou do relato foi esa repredsentación desa ironía, cando no relato a propia filla do político vai á casa dos seus avós e se presenta ao avó co alzhéimer. O que máis me cativou foi a actitude da rapaza ante as dúas situacións. Ela ten unha actitude fría co pai cando a leva ao golf, e unha actitude familiar e cariñosa cos seus avós.
Así acabei collendo moito agarimo ó personaxe desta rapaza, e cada vez máis odio a actitude deste personaxe do político, que representa un prototipo facilmente recoñible na nosa sociedade actual.

O tema alzhéimer é unha cousa que me toca moito, por iso esta historia nun principio doeume porque este tipo de situacións son superiores a min, e sei que están a pasar, é algo que me é superior que me crea moito odio. A lectura deste relato chegou un momento que me provocou unha certa impotencia, ver un posible futuro mellorado, máis a preferencia neste caso polo deporte mal entendido.  


Por David Güimil.

Sés e Miguelanxo Prado



Rapaces, se non coñecedes a Sés, este terremoto musical feminino galego, tedes que pórvos ó día rapidamente, non sabedes o que vos estades a perder. Neste vídeo tedes un tándem perfecto da súa música, "Milonga de aquí", cos debuxos do grande artista galego, Miguelanxo Prado. Non deixedes de escoitar e ver as súas obras. 

Lucía Pérez e David Güimil premiados polas súas bandas deseñadas.

Dous dos integrantes dos noso grupo de club de lectura veterano, que a día de hoxe están en 1º de bacharelato, resultaron premiados coa publicación do seu cómic na revista ENÓRMIC BANDA publicada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Salnés. Parabéns para Lucía Pérez e David Güimil, este último tamén resultou finalista no concurso de relato curto convocado pola Federación Provincial de Pais e Nais.